Amosando 27 resultados

Descrición arquivística
1ª División de Sección
Advanced search options
Previsualización da impresión Ver:

INTERVENCIÓN

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-4-1
  • 1ª División de Sección
  • 1875-1986
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

A intervención municipal encárgase da planificación e programación da actividade económica; controla e fiscaliza a xestión económica-financeira e presupostaria; e coordina as actividades contables da Entidade.

Ao longo do século XIX as funcións da Intervención foron asumidas polo Contador, que pasaría a denominarse Interventor, quedando esta función acumulada nos pequenos concellos á figura do secretario-interventor.

SEGURIDADE CIDADÁ

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-3-5
  • 1ª División de Sección
  • 1937-1988
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

1ª División de sección referida á función dos concellos de salvagardar e protexer a integridade física e moral da súa poboación de calquera tipo de agresión, independentemente da súa causa, ben sexa de natureza humana ou catastrófica.

3.5.1.- Depósito de detidos
Documentación dos depósitos de detidos, tamén denominados como cárceres ou calabozos municipais.

3.5.2.- Policía municipal. Orde pública
Agrupación de series relacionadas coas actuacións municipais en materia de orde público, entre elas o funcionamento e actuacións da policía local.
A policía local ten como misión protexer o libre exercicio dos dereitos das persoas e garantir o normal desenvolvemento da convivencia, a seguridade cidadá e a seguridade vial.

3.5.3.- Catástrofes. Protección Civil
Documentación do servizo de protección civil, que ten coma orixe o establecemento das Xefaturas Locais de Defensa Pasiva nas poboacións de máis de 20.000 habitantes que non foran capitais de provincia en 1941, sendo substituídas polas Xefaturas Locais de Protección Civil en 1960, abarcando toda as localidades con esa poboación. Así mesmo, coa democracia e o Estado das autonomías, este servizo tentou ser relanzado en tódalas localidades, cando menos dotándoo dunha funcionalidade mínima en tódolos concellos.

Por outra banda, toda aquela documentación referida a catástrofes naturais sufridas polos veciños e bens materiais existentes no concello (inmobles, cultivos, vías de comunicación,...) tales como inundacións, incendios forestais, sarabia, nevaradas e outras similares van incluídas dentro desta serie xenérica baixo o epígrafe de catástrofes.

Outro servizo relacionado coa protección e seguridade da poboación é o constituído polas actividades desenvoltas polos bombeiros, concibindo neste termo tanto os bombeiros propiamente ditos como, por extensión, as cuadrillas de extinción de incendios forestais. Como norma xeral, a súa documentación debe ser encadrada dentro desta serie independentemente do seu contido manténdose unida toda a documentación referida a unha campaña de extinción de incendios forestais (tramitación da subvención, contratación de persoal, adquisición de materiais, etc...).

3.5.4.- Expedientes de multas e denuncias
Recolle os expedientes de multas que abranguen calquera tipo de expediente ou documento de sanción imposta pola policía local en calquera ámbito ou servizo, cando aparecen de xeito específico e illado sen formar parte dun expediente máis amplo, e por extensión calquera multa imposta no concello agás as de competencia do alcalde que teñen o seu apartado específico.

O mesmo podemos dicir dos expedientes de denuncias, coa mesmas peculiaridades que o caso das multas.

3.5.5.- Expedientes de emigración
As funcións encomendadas ós concellos en relación ó control e regulación dos movementos migratorios no seu territorio, tanto cara ó interior como cara ó exterior, son escasas posto que a maior parte das prerrogativas no tema son exercidas polo goberno central. Non obstante, en determinados períodos históricos, os concellos foron unha primeira instancia de control dos fluxos migratorios, xerando no exercicio de tal actividade determinados expedientes e rexistros que deben ser encadrados dentro desta serie xenérica.

3.5.6.- Atestados
Documentos oficiais en que se dá fe dun feito.

3.5.7.- Certificacións de boa conduta
Certificacións emitidas polo concello, con informes de alcaldes ou alcaldes de barrio ou da policía local, acreditando bos comportamentos.

3.5.8.- Libro rexistro de denuncias
Rexistro de denuncias.

3.5.9.- Libro rexistro de multas
Rexistro de multas.

3.5.10.- Prestación de traballo en beneficio da Comunidade
Documentación xustificativa de cumprimento de penas menores realizando traballos en beneficio da comunidade, normalmente froito dun convenio entre o concello e a administración de xustiza.

REXISTRO

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-2-2
  • 1ª División de Sección
  • 1892-1989
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

O control dos documentos que se recibían ou se envían a persoas físicas ou xurídicas e a outras institucións exerceuse durante o Antigo Réxime dende a escribanía o a secretaría xeral mediante a redacción de diversos rexistros. A aparición do rexistro xeral como oficina propia con persoalidade e funcións definidas está ligada a transformación administrativa iniciada en 1837 e plasmada en 1872, desenvolta especialmente na lei de bases de 1899 e todas as que lle seguen especialmente o regulamento de organización de 1952 e 1986.

Esta actividade xera as seguintes series documentais:

2.2.1.- Libro rexistro de expedientes
Rexistro para anotar os expedientes tramitados no concello, e no seu caso, o fluxo administrativo dos mesmos.

2.2.2.- Libro rexistro de entrada de documentos
Documento de rexistros no que se asenta todo escrito ou documentación oficial que se presente o reciba na entidade local, cos datos identificativos de procedencia, número de orde, data de entrada, resumo do documento e tramitación cursada. A partires de 1982 comeza a realizarse informaticamente, antes sempre en libro encadernado.

2.2.3.- Libro rexistro de saída de documentos
Relación que garante a constancia da saída dos documentos que foron despachados definitivamente polo concello, con datos de destinatario, data, e resumo do documento. A partires de 1982 comeza a realizarse informaticamente, antes sempre en libro encadernado.

2.2.4.- Libro rexistro de anuncios no BOE
Rexistro de anuncios remitidos para publicar en Boletíns Oficiais

2.2.5.- Rexistro de documentos
Serie creada nalgúns arquivos para recoller aqueles documentos orixinais enviados ou recibidos (copia dos propios documentos de saída e fotocopia dos de entrada), ordenados por número de orde.

2.2.6.- Portelo único
Documentación producida neste servizo que permite aos cidadáns presentar nas oficinas do concello a documentación administrativa dirixida á Xunta de Galicia e outras institucións da Comunidade Autónoma. As funcións que comprende son:
-- Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración Autonómica de Galicia.
-- Información xeral da Administración Autonómica de Galicia.
-- Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte ante a Administración Autonómica de Galicia, nos que o solicitante sexa o interesado.
-- Acceso ao rexistro xeral de contratistas da Comunidade Autónoma.

Ademais aparecen máis, ocasionalmente, outros rexistros para temas ou asuntos concretos, debidamente identificados na súa denominación:

2.2.7.- Libro rexistro de poderes e autorizacións
Rexistro de poderes e autorizacións.

2.2.8.- Libro rexistro de notificacións
Rexistro de notificacións.

2.2.9.- Libro rexistro de comunicacións
Rexistro de comunicacións.

2.2.10.- Libro copiador de oficios
Rexistro de oficios.

2.2.11.- Libro rexistro de disposicións
Rexistro de disposicións.

2.2.12.- Libro rexistro de xiros
Rexistro de xiros.

2.2.13.- Libro rexistro de telegramas
Rexistro de telegramas.

POBLACIÓN

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-3-11
  • 1ª División de Sección
  • 1883-1996
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

Esta 1ª División de sección inclúe a documentación sobre a poboación e o seu control, derivada da colaboración dos concellos coa administración central, competente nesta materia.

O control constante da súa poboación realizada con diversos fins –planificación económica, operatividade política- é unha función básica dos concellos que exerce como administración dotada do máximo achegamento ó cidadán e polo tanto, idónea para satisfacer tales recontos sistemáticos.

3.11.1.- Xunta Municipal do Censo de Poboación
Libros de rexistro das actas das sesións deste órganos municipal encargado da planificación dos traballos encamiñados á elaboración de censos de poboación e padróns de habitantes.

3.11.2.- Padrón municipal de habitantes
Rexistro coa relación dos habitantes do termo, con expresión das súas respectivas calidades. Inclúe procesos continuados de rectificacións, altas, baixas e cambios de cualificación veciñal que se producen anualmente no padrón.

É un rexistro administrativo, actualízase permanentemente, elabórano os concellos. O feito da inscrición é obrigatorio e está afectado pola lexislación sobre protección de datos de carácter persoal en canto a o seu uso e dispoñibilidade.

O censo de poboación é unha estatística, resultado dunha operación de reconto, cuxa finalidade é a de proporcionar información sobre o estado da poboación, isto é. Sobre o seu tamaño e as súas características, recollendo datos tanto demográficos como económicos, sociais, etc. O censo debe de contar con todos os individuos dun territorio (pais, comunidade autónoma, etc.), nun momento determinado; debe realizarse, ademais, cunha periodicidade definida e previamente establecida e os resultados que se obteñan, deben ser de dominio público. Elabórao o Instituto Nacional de Estatística (INE) cada dez anos, desde 1981 en todos os anos terminados en 1. A súa cumprimentación é voluntaria. Lexislación sobre función estatística.

3.11.3.- Edificios e vivendas
Rexistros complemento dos de poboación que asentan datos referentes á contabilización demográfica dos habitantes do municipio. Neste caso os censos de edificios e vivendas, existentes para rexistrar os lugares de habitación da poboación permitindo un xeito indirecto de control numérico sobre a mesma, podendo a súa elaboración servir ademais para outros fins. Son censos revisables cada certo tempo, que numeran as vivendas existentes, con carácter previos a revisión dos censos e padróns de habitantes, tendo consideración de traballos preliminares aos mesmos.

A Rexencia do Reino por Decreto 24-xaneiro-1841 dispuxera que nas Secretarías de todos os Concellos de máis de 500 veciños establecésese o Rexistro Civil de nados, casados e mortos dentro do termo xurisdicional, levándose en libros con arranxo a modelos oficiais. Será coa Lei Rexistro Civil 17 xuño 1870, cando esta función pase definitivamente a esta institucións anexas aos Xulgados de Paz e municipais. Froito delo podemos atopar nalgúns arquivos municipais, ou ás veces nos dos xulgados de paz anexos, as seguintes series documentais:

3.11.4. - Libro rexistro de nacementos
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban os nacementos acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.5. - Libro rexistro de matrimonios
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban matrimonios acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.6. - Libro rexistro de defuncións
Rexistro en forma de libro nos que se asentaban as defuncións acontecidos entre 1845 e 1870.

3.11.7.- Estatísticas
Serie documental que recolle unha serie de datos e estatísticas referidas á demografía e poboación.

ALCALDE

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-1-2
  • 1ª División de Sección
  • 1925-2016
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

O alcalde como institución remóntanse ao século XI, cun carácter inicialmente xudicial, formando parte dos concellos existentes en cada pobo. Así a figura do alcalde aparece nas máis antigas leis casteláns (Foro Real, Foro Vello, as Partidas..) sempre cunha función preferentemente xudicial.

O nomeamento dos alcaldes correspondía ao Rei ou aos señores laicos ou eclesiásticos dependendo do señorío de cada territorio. Pouco a pouco van asumindo tamén funcións económicas, coincidindo co desenvolvemento da vida urbana e da importancia das cidades e pobos.

Na idade contemporánea limítanse estas funcións xudiciais a partires de 1812 e definitivamente dende 1855 e coa aparición dos xulgados de paz e rexistros civís en 1870. Pola contra realzase esta figura como representante o cabeza do concello e mesmo como delegado do goberno no seu territorio.

As súas atribucións principais, que derivan na produción dos oportunos documentos e expedientes, serían as de representar ao concello; convocar e presidir as sesións dos órganos colexiados de goberno; nomear cargos municipais, especialmente os tenentes de alcalde; dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras municipais; ditar bandos; desenvolver a xestión económica de acordo cos presupostos aprobados; dispor gastos; aprobar a oferta de emprego e as bases de selección do persoal, así como desempeñar a xefatura de todo o persoal; exercer a xefatura da policía local; aprobar os instrumentos de xestión urbanística e os proxectos de urbanización, obras e servizos; adoptar medidas en caso de catástrofe e infortunio público; sancionar as faltas de desobediencia á autoridade ou as infraccións ás ordenanzas municipais; a adquisición de bens mobles e inmobles; outorgar licenzas, publicar e executar os acordos municipais.

Na 1ª división de sección 1.2. ALCALDE atopamos documentos e expedientes relacionados coa función executiva e representativa deste órgano de goberno unipersoal. Entre as series que podemos atopar destacan:

1.2.1.- Correspondencia da Alcaldía
Correspondencia emitida e recibida pola Alcaldía do concello.

1.2.2.- Certificacións e informes dá Alcaldía
Certificacións e informes diversos emitidos pola Alcaldía

1.2.3.- Decretos. Resolucións
Documentos que recollen a decisión da Alcaldía ou determinación sobre calquera materia ou negocio dentro das súas moitas competencias.

1.2.4.- Libro de resolucións da Alcaldía
Rexistro onde se transcriben as resolucións do Presidente da Corporación ou dos membros da mesma que resolvan por delegación. É un documento simple, normalmente en libro encadernado ata finais do século XX, onde empezan a facerse informaticamente e logo son impresos. Ten sempre dilixencia de apertura e peche.

1.2.5.- Bandos. Edictos
Norma ditada polo Alcalde na que se fan públicas ordes precisas para o bo goberno do municipio, destinadas a tódolos veciños do concello. Normalmente é unha folla de gran tamaño con moitos exemplares destinados á súa exposición pública, coa finalidade de dar publicidade as decisións da Alcaldía.

É polo tanto un documento simple, con encabezamento (Palabra BANDO), protocolo (nome e cargo que o emite, sempre o Alcalde ou substituto legal), texto que se tenta difundir, data e firma.

1.2.6.- Libro rexistro de bandos
Rexistro dos bandos ditados pola Alcaldía, con data e resumo de cada un deles.

1.2.7.- Libro rexistro de edictos
Rexistro dos edictos emitidos dende o concello.

1.2.8.- Expedientes de protocolo
Agrupación de series que plasman o conxunto de actuacións que se seguen para conceder as diferentes distincións honoríficas (Fillo Predilecto, Adoptivo, Membro Honorario da Corporación…) atendendo aos méritos, calidades e circunstancias singulares que concorren no interesado. Xunto a elo poden atoparse os propios regulamentos para esta concesión e tódolo relacionado coa actividade protocolaria da institución, entre eles os expedientes de irmanamento, os expedientes de actos públicos, libros de sinaturas, os expedientes de denominación de rúas, fotografías de actos públicos, notas de prensa...

En moitas ocasións recollen fotografías, recortes de prensa, publicacións ou información diversa sobre os actos públicos.

1.2.9.- Heráldica municipal
Expedientes sobre adopción ou modificación dos símbolos do concello, especialmente o seu escudo e bandeira.

1.2.10.- Expedientes do Alcalde-Delegado Gobernativo
Agrupación de series que recollen a documentación relacionada coa figura do alcalde en calidade de representante da administración central no seu territorio: sancións gobernativas, apercibimentos, achados de bens, permisos de armas, cédulas persoais, lotarías, comparecencias...

Destacan os relacionados cos gardas xurados ou vixiantes: expediente polo que o Alcalde como delegado gobernativo nomea a unha persoa encargada da custodia dos bens particulares mediante proposta do propietario dos mesmos.

1.2.11.- Expedientes xudiciais da Alcaldía
Agrupación de series que recollen as distintas funcións xudiciais ou de fe pública que detentaban os alcaldes; moitas delas cesan a partir de 1870 co establecemento dos xulgados de paz e os rexistros civís. Inclúe xuízos de faltas, causas civís e criminais, xuízos de conciliación e matrimonios civís entre outros.

1.2.12.- Libro de comunicacións da Alcaldía
Rexistro da correspondencia específica recibida ou emitida pola Alcaldía.

CONCELLO/ PLENO

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-1-1
  • 1ª División de Sección
  • 1807-2017
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

Na 1ª División de sección 1.1. CONCELLO/PLENO (Órgano Corporativo de Goberno), podemos atopar as seguintes series documentais:

1.1.1.- Expedientes de división territorial
Agrupación de series que recolle aquela posible documentación que se tramita nos expedientes de modificacións e sinalamento das demarcacións dos límites do termo municipal, así como as alteracións ou cambios de configuración administrativa e institucional do seu territorio. Entre elas segregar parte dun ou varios concellos a fin para constituír outro independente, para creación de novos concellos ou para calquera modificación no ámbito territorial do concello; tamén poden recoller procesos de fusións ou a incorporación de parte do territorio dun municipio a outro. Poden existir ademais expedientes de cambio de capitalidade, de denominación do concello, modificacións parroquiais ou expediente de deslinde do termo municipal, que se instrúen para a demarcación, o deslinde e sinalización da liña do termo municipal.

1.1.2.- Expedientes de Entidades Locais Menores
Contén documentos das entidades locais menores son anexos, parroquias, lugares, aldeas, caseríos e poboados, que dentro dun municipio e constituíndo núcleo separado de edificación, forma un conxunto de persoas e bens, con dereitos ou intereses peculiares e colectivos, diferenciados dos xerais do concello.

1.1.3.- Expedientes de mancomunidades
Contén documentos das asociacións voluntarias de municipios para determinados fins.

1.1.4.- Expedientes de constitución do Concello
Expediente polo que se renova a corporación como consecuencia dunhas eleccións municipais previas, mediante o cese da anterior corporación, a constitución dun novo concello Pleno e elección de alcalde e a consecuente transferencia de poderes.

1.1.5.- Expedientes de sesións do Pleno
Expediente que ten por obxecto a convocatoria e celebración da sesión do Pleno. Poden ser ordinarias e extraordinarias. Contén convocatorias, orde do día, borradores, etc.

1.1.6.- Expedientes de cargos municipais
Expedientes nos que se reflicte a designación das persoas que van desempeñar cargos ou oficios municipais (alcaldes, concelleiros, alcaldes de barrio, pedáneos).

Inclúe tamén os expedientes de rexistro de intereses de membros da Corporación, que veñen a ser rexistros onde se relatan os bens mobles e inmobles integrantes do patrimonio persoal dos corporativos.

Son habituais tamén os expedientes de elección de Xuíz de Paz e substituto, naqueles municipios onde non existe Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. Os xuíces de paz xorden polo RD do 22 de outubro de 1855 e pola Real Orden de 12 de novembro de 1855. Actualmente regúlase pola Lei orgánica do poder xudicial 6/1985 (LOPJ) e polo regulamento 3/1995 de 7 de xuño, dos xuíces de paz.

1.1.7.- Mocións
Recolle as proposicións que se fan ou suxiren nunha Xunta que delibera. Son unha proposta que se somete directamente a coñecemento do Pleno, sobre un asunto non comprendido na orde do día e que non ten cabida no punto de rogos e preguntas. Pode formularse por escrito ou oralmente.

1.1.8.- Libro de actas do Pleno
O libro de actas é un documento formal, en papel oficial foliado, dilixenciado de apertura e peche, que recolle as transcricións oficiais, legais e auténticas das distintas sesións do Pleno do concello, asinadas alo menos polo secretario e o Alcalde .

Son un instrumento público solemne, que contén as actas estendidas polo Secretario para dar fe dos asuntos tratados e dos acordos adoptados nas sesións celebradas pola Corporación. O Pleno está integrado por todos os concelleiros e é presidido polo Alcalde. O número de concelleiros que haberá de elixirse para cada concello depende da poboación que habite no seu termo municipal.

1.1.9.- Ordenanzas e regulamentos
Expedientes que recollen un conxunto de actuacións que se seguen para a aprobación e entrada en vigor dunha ordenanza ou regulamento municipal.

1.1.10.- Convenios
Convenios asinados entre o concello e outros organismos e institucións par actuacións diversas.

1.1.11.- Expedientes de xuntas veciñais
Documentación derivada do funcionamento de comunidades veciñais, xuntas de veciños, agrupacións diversas e asociacións existentes no concellos.

1.1.12.- Expedientes de sesións do Centro de Desenvolvemento Local
Expediente que ten por obxecto a convocatoria e celebración da sesión do Centro de Desenvolvemento Local. Son centros para a dinamización social da zona, claves en materia de emprego e formación. Planifican e xestionan aqueles recursos que favorezan o desenvolvemento do municipio, logrando así uns maiores niveis de crecemento e de benestar dos seus veciños.

1.1.13.- Documentación de Asociacións
Unha asociación é unha entidade formada por un conxunto de asociados ou socios para a persecución dun fin de forma estable, sen ánimo de lucro e cunha xestión democrática.

1.1.14.- Expedientes da Comisión Xestora
Documentación (actas ou expedientes de sesións) das sesións da Comisión Xestora, órgano ocasional e de carácter excepcional que se crea en circunstancias concretas para substituír ao Pleno da corporación.

1.1.15.- Expedientes de sesións da Xunta do Partido
Expedientes de sesións celebradas pola Xunta do Partido Xudicial.

1.1.16.- Libro de actas da Xunta do Partido Xudicial
Un partido xudicial é unha unidade territorial para a administración de xustiza, integrada por un ou varios municipios limítrofes e pertencentes a unha mesma provincia. O libro de actas recolle as sesións do órgano de goberno colexiado establecido para o seu funcionamento, a Xunta do Partido Xudicial ou as Xuntas Comarcais.

1.1.17.-Libro de seguimento de acordos
Rexistro auxiliar para o control e seguimento da tramitación de expedientes.

1.1.18.-Rexistro de Entidades Locais
O Rexistro de entidades locais nace en 1986 co fin de ter constancia fidedigno dunha serie de datos elementais dos oito tipos de entidades locais de España. Os municipios teñen un número de inscrición no rexistro de entidades locais. O Real Decreto 382/1986, de 10 de febreiro, crea, organiza e regula o funcionamento do Rexistro de Entidades Locais.

COMISIÓN DE GOBERNO / PERMANENTE

  • ES ES.GA.36026.AM.MAR. 1-1-3
  • 1ª División de Sección
  • 1924-2017
  • Parte de CONCELLO DE MARÍN

A 1ª División de sección 1.3. COMISIÓN DE GOBERNO / PERMANENTE recolle as series documentais deste órganos colexiados que representan a función de asesoramento ao Pleno e ao Alcalde, con capacidade de decisión e de execución das competencias que lle delegan.

1.3.1.- Libro de actas da Comisión Municipal Permanente
A Comisión Municipal Permanente é un órgano creado co Estatuto Municipal de 1924 e que desaparece no ano 1985. É unha serie pechada que ten, polo tanto, unhas datas extremas de iniciación 1924 e de finalización 1985. Neste intervalo temporal estas Comisións Municipais Permanentes foron suprimidas, excepto nos concellos de máis de 20.000 habitantes, polo Decreto do Ministerio da Gobernación de 16 de xuño de 1931 que revisa todas as disposicións da ditadura desde 1923 a 1931, e reposta pola Lei de Réxime Local de 1945, reaparecendo na maior parte dos concellos a partir de 1949. Esta lei estipula a obrigatoriedade deste órgano de goberno nos concellos de máis de 2.000 habitantes; finalmente desaparece coa Lei 7/1985 de Bases do Réxime Local, de 2 de abril.

O libro é un documento simple, encadernado, que recolle as actas das sesións celebradas nese período. Conta con dilixencia de apertura e de peche, coas súas follas numeradas.

1.3.2.- Libro de actas da Comisión de Goberno
Órgano creado en 1985 e que desaparece coa entrada en vigor da lei 57/2003 de medidas para a modernización do Goberno Local, substitúelle a Xunta de Goberno Local.

A Comisión de Goberno intégrase polo Alcalde e un número de concelleiros non superior ao terzo do número legal dos mesmos, nomeados e separados libremente por aquel, dando conta ao Pleno.

O libro é un documento simple, habitualmente encadernado, en papel oficial, que recolle as actas das sesións celebradas nese período. Conta con dilixencia de apertura e de peche, coas súas follas numeradas.

1.3.3.- Libro de actas da Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local (lei 57/2003 de 16 decembro, de medidas para a modernización do Goberno Local) existe en todos os municipios con poboación superior a 5.000 habitantes e nos de menos, cando así o dispoña o seu regulamento orgánico ou así o acorde o Pleno do seu concello. Intégrase polo Alcalde e un número de concelleiros non superior ao terzo do número legal dos mesmos, nomeados e separados libremente por aquel, dando conta ao Pleno.

O libro é un documento simple, habitualmente encadernado, en papel oficial, que recolle as actas das sesións celebradas nese período. Conta con dilixencia de apertura e de peche, coas súas follas numeradas.

1.3.4.- Expedientes sesións da Comisión Municipal Permanente.
Contén o conxunto de expedientes tramitados como consecuencia da celebración de cada unha das reunións da Comisión Municipal Permanente. Cada un deles está formado habitualmente pola orde do día da sesión, a convocatoria, a acta da sesión anterior, así como borradores das actas, acordos adoptados, documentos tratados no sesión e notificacións.

1.3.5.- Expedientes sesións da Comisión de Goberno.
Contén o conxunto de expedientes tramitados como consecuencia da celebración de cada unha das reunións da Comisión de Goberno. Cada un deles está formado habitualmente pola orde do día da sesión, a convocatoria, a acta da sesión anterior, así como borradores das actas, acordos adoptados, documentos tratados no sesión e notificacións.

1.3.6.- Expedientes sesións da Xunta de Goberno Local.
Contén o conxunto de expedientes tramitados como consecuencia da celebración de cada unha das reunións da Xunta Local de Goberno. Cada un deles está formado habitualmente pola orde do día da sesión, a convocatoria, a acta da sesión anterior, así como borradores das actas, acordos adoptados, documentos tratados no sesión e notificacións.

COMISIÓNS INFORMATIVAS E ESPECIAIS

A 1ª División de sección 1.4. COMISIÓNS INFORMATIVAS E ESPECIAIS recolle as series deste órgano de representación coa función de asesoramento ao Pleno e ao Alcalde, nas específicas áreas ou competencias de cada unha delas.

1.4.1.- Libro de actas de Comisións Informativas
Rexistro que recolle o traslado das sesións celebradas polas diferentes Comisións Informativas que funcionan en cada administración: Facenda, Urbanismo, Persoal...etc. Normalmente encadernado e coas follas numeradas, dispón de dilixencia de apertura e non é obrigatorio.

1.4.2.- Expedientes de sesións de Comisións Informativas
Recollen os documentos de cada sesión. As Comisións Informativas están integradas exclusivamente por membros da Corporación e son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudo, informe ou consulta dos asuntos que teñan que ser sometidos á decisión do Pleno ou da Comisión de Goberno, cando esta actúe con competencias delegadas polo Pleno, salvo que sexa preciso adoptar acordos declarados urxentes. Igualmente, informarán aqueles asuntos da competencia propia da Comisión de Goberno e do Alcalde, que lle sexan sometidos ao seu coñecemento por expresa decisión daqueles. Poden ser estas sesións permanentes ou especiais.

SERVIZOS AGROPECUARIOS E INDUSTRIAIS

Esta 1ª División de sección recolle a función dos concellos no referido á promoción e potenciación económica do seu territorio, dividida en varias agrupacións documentais relacionadas cos diversos eidos, actividades ou radios de acción nos que se concreta a mesma: agricultura, gandería e montes; caza; pesca; industria, turismo e traballo.

3.2.1.- Expedientes de actividades agropecuarias
Agrupación de series con expedientes de actividades agropecuarias que teñen como obxecto a tramitación de moi variados procedementos en relación á promoción, control e defensa dos intereses agrícolas, gandeiros e forestais dos municipios. Deste xeito, podemos destacar os expedientes de extinción de pragas, os expedientes de repoboacións, as cales soen ser políticas estatais ou autonómicas nas que colaboraban, en ocasións, os concellos; os expedientes de concentración parcelaria, os censos agropecuarios, cotos de caza, vedas de pesca etc.

3.2.2.- Expedientes de actividades industriais
Agrupación de series con expedientes de actividades agropecuarias que teñen como obxecto a tramitación de moi variados procedementos en relación á promoción, control e defensa da actividade industrial e mineira entendida en sentido amplo de estudos, informes, memorias, plans de actuación e desenvolvemento etc.

3.2.3.- Expedientes de fomento turístico
Agrupación de series con expedientes de actividades turísticas, edición de folletos, subvencións etc.

DEPORTES

Esta 1ª División de sección recolle a documentación relacionada coas funcións dos concellos no eido deportivo, tanto no que ten que ver co funcionamento e co mantemento das instalación deportivas (pavillóns, piscinas e outros), como coa organización e coa celebración de actividades deportivas diversas ou coa a subvención das entidades deportivas do concello e das actividades das mesmas.

3.10.1.- Expedientes de actividades deportivas
Agrupación de series coa documentación relacionada coas actividades deportivas, subvencións e funcionamento dos centros deportivos.

Resultados 11 a 20 de 27